Schistosoma mansoni

Este artigo trata sobre o parasito. Para un artigo sobre a enfermidade que causa ver esquistosomíase.
Schistosoma mansoni

esquistosomas copulando
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Platyhelminthes
Clase: Trematoda
Orde: Diplostomida
Familia: Schistosomatidae
Xénero: Schistosoma
Especie: Schsitosoma mansoni
Sambon, 1907
Unha parella de Schistosoma mansoni apareándose.

Schistosoma mansoni é un parasito humano transmitido pola auga que pertence ao grupo dos vermes trematodos que infectan o sangue do xénero Schistosoma. O adulto vive nos vasos sanguíneos (veas mesentéricas) da zona intestinal humana. Causa a esquistosomíase intestinal (igual que S. japonicum, S. mekongi, S. guineensis e S. intercalatum), antes chamada bilharzíase. Os síntomas clínicos son causados polos seus ovos. Esta especie é a causa principal da esquistosomíase no mundo e o parasito humano máis frecuente. A doenza clasifícase como doenza tropical desatendida. En 2021 a Organización Mundial da Saúde informou que 251,4 millóns de persoas tiñan esquistosomíase e a maioría debido a S. mansoni.[1] Atópase en África, Próximo Oriente, o Caribe, Brasil, Venezuela e Suriname.[1]

A diferenza doutros trematodos, nos cales os sexos non están separados (son hermafroditas ou monoicos), os esquistosomas son os únicos nos que os adultos están divididos en machos e femias, polo que son gonocóricos. Porén, para chegaren a adultos necesitan unha parella macho-femia permanente (non se separan nunca), unha condición chamada in copula; polo cal son considerados funcionalmente como hermafroditas.

O ciclo vital dos esquistosomas comprende dous hóspedes: humanos como hóspedes definitivos, nos que o parasito realiza a reprodución sexual, e caracois como hóspedes intermedios, nos que teñen lugar unha serie de reproducións asexuais. S. mansoni transmítese pola auga, onde viven os caracois de auga doce do xénero Biomphalaria que actúan como hóspede intermediario. As larvas poden vivir na auga e infectar os hóspedes penetrando directamente pola pel. A prevención da infección faise mellorando as condicións de saneamento e matando os caracois. A infección trátase con praziquantel.

S. mansoni foi detectado por primeira vez por Theodor Maximillian Bilharz en Exipto en 1851, ao descubrir o Schistosoma haematobium. Despois, en 1902, Sir Patrick Manson identificouno como especie separada da anterior. Louis Westenra Sambon deulle o nome de Schistosomum mansoni en 1907 en honra de Manson.[2][3][4]

  1. 1,0 1,1 "Schistosomiasis". www.who.int (en inglés). World Health Organization. 1 de febreiro de 2023. Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2023. Consultado o 27 de novembro de 2023. 
  2. Sambon, L.W. (1907). "Remarks on Schistosomum mansoni". Journal of Tropical Medicine and Hygiene 10: 303–304. 
  3. Birch, CA (1974). "Schistosoma mansoni. Sir Patrick Manson, 1844–1922". The Practitioner 213 (1277): 730–2. PMID 4156405. 
  4. Swanner, Yann A. Meunier; with contributions from Michael Hole, Takudzwa Shumba & B.J. (2014). Tropical Diseases : a Practical Guide for Medical Practitioners and Students. Oxford: Oxford University Press, USA. p. 40. ISBN 9780199997909. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search